ATENCIÓN INTEGRAL CENTRADA NA PERSOA E EDUCACIÓN SOCIAL

Etiquetas

, ,

A Atención Integral e Centrada na persoa [ AICP] é a que promove as condicións necesarias para a consecución de melloras en todos os ámbitos da calidade de vida e o benestar da persoa, partindo do respecto pleno á súa dignidade e dereitos, dos seus intereses e preferencias e contando coa súa participación activa.

(Rodríguez, 2014, p. 120)

Non poderíamos comezar da maneira máis rigorosa posible, sen facer mención as autoras e autores como Pilar Rodríguez , que investigan ferventemente como podemos alcanzar unha mellor atención de cara ás persoas maiores, e principalmente as que se atopan en situación de dependencia e/ou discapacidade. Por elo, damos comezo a este artigo coa propia definición sobre a AICP que esta autora reflexiona profundamente, e invita a poder consensuar arredor dela, para formular un novo modelo que vai máis ala da Atención Centrada na Persoa [ACP].

Pois ben, collendo como referencia a definición inicial e tal como explica Rodríguez (2014), temos que distinguir dúas dimensións na mesma:

  • A dimensión de Atención Integral: “…promover as condicións necesarias para a consecución de melloras en todos os ámbitos da calidade de vida e o benestar…”
  • A dimensión de Atención Centrada na Persoa: “…partindo do respecto pleno á súa dignidade e dereitos, dos seus intereses e preferencias e contando coa súa participación activa”.

Dende a primeira dimensión o que temos que comprender é que a AICP analiza a persoa dende unha perspectiva bio-psico-social-mediambiental, integrada nun sistema de redes de apoio relacionado entre si, dentro dun contexto social determinado. Dende a atención integral este contexto debe atender ás súas necesidades de maneira coordinada, efectiva e medible en criterios de calidade, sendo capaz de actuar dende:

  • un nivel macro co deseño de normas, plans e currículos formativos específicos que marquen as directrices necesarias para conseguir unha estrutura baseada na mellora de calidade e benestar,
  • pasando polo nivel meso mediante o deseño de recursos, servizos e programas sociosanitarios e integrados na comunidade,
  • ata chegar ao nivel más micro promovendo actuacións centradas na persoa como a elaboración do Plan de atención e vida (Rodríguez , 2014).

A base fundamental para que este modelo sexa unha realidade, radica fundamentalmente no nivel macro onde se definen as políticas, normativas e planificacións estratéxicas, que teñen o poder de marcar as directrices necesarias para aterrar nunha forma de coidados baseados na dignidade da persoa. Dende esta proposta teórica, e de maneira responsable, establécense uns principios fundamentais onde amparar calquera actuación formulada dende esta conceptualización dos apoios. Estes son: Autonomía; Individualidade; Independencia; Integralidade; Participación; Inclusión social e Continuidade dos coidados (Rodríguez , 2014).

E con todo e con isto a autora ofrece os criterios técnicos e metodolóxicos necesarios para converter en realidade estes principios que en palabras dela mesma poden quedar en “palabras que sonan ben” (Rodríguez, 2014, p.114), en calquera plan estratéxico. Polo que é posible o cambio, e é máis, é posible un modelo de atención integral existindo vontade en tódolos niveis.

Unha vez analizado de maneira resumida o que se busca dende unha atención integral podemos incorporar a segunda  dimensión da definición, a cal da un sentido definitorio ao modelo en si, xa que o foco de atención tanto dende unha dimensión como da outra é centrarnos na persoa e as súas necesidades, aínda que no segundo caso centramos a nosa atención polo mero feito de percibir ao ser humano como unha persoa plena de dereitos e dignidade. 

Rogers (2017), psicólogo humanista de gran prestixio,  o tiña ben claro cando se deu conta de que tanto como persoas como profesionais temos que comprender en que consiste ser persoa. De acordo con el mesmo, cando non somos capaces de ver a persoa que levamos dentro é imposible chegar a comprender as outras persoas. El foi o precursor da atención centrada na persoa e postulou as tres condicións indispensables para poder centrar á atención na persoa en toda forma de acompañamento profesional. Estas son: aceptación incondicional, empatía e autenticidade.

Martínez (2015) importante psicóloga xerontóloga especializada en ACP, define a este modelo como un conxunto de principios que inclúe “un conxunto de valores que parten dunha visión global e humanista da persoa que incorpora ás prácticas profesionais baseadas na evidencia dos principios éticos do coidado” (p. 6).

Esta mesma autora establece no 2013 o Decálogo da Atención centrada na persoa destacando ás persoas como únicas, interdependentes, multidimensionais e singulares, que deben ser consideradas en iguais condicións para ser tratadas con dignidade e recoñecidas como seres plenos de dereitos, sendo protagonistas das decisións concernentes ás súas vidas. Ademais parte da necesidade de traballar nas súas fortalezas e capacidades, considerar o ambiente físico como un elemento clave no seu benestar e promover as actividades colidíanas para garantir a súa participación continuada. 

En definitiva a ACP busca a independencia funcional e a maior autonomía moral da persoa, sendo os obxectivos prioritarios nos planes de apoios. As e os profesionais deben valorar a persoa dende a súa propia historia de vida e identificar os seus desexos e necesidades persoais, intentado que a persoa sexa protagonista da súa propia vida, incluso en casos de gran dependencia e heteronomía.

En conclusión, dende un modelo de AICP e dende a perspectiva socioeducativa da Educación Social, a atención debe ser analizada dende tres niveis de actuación co fin de aglutinar de maneira integral tódalas dimensións nas que a persoa se atopa integrada e responder de maneira coordinada, efectiva e responsable ás necesidades individuais de carácter bio-psico-sociais-medioambientais das persoas respectando a súa dignidade e dereitos e favorecendo a súa independencia funcional e autonomía moral sendo protagonista da súa propia vida, onde as e os profesionais somos meros acompañantes dun proceso onde se ofrecen os apoios necesarios para garantir a maior calidade de vida e benestar persoal.

Referencias Bibliográficas

Martínez, T. (2013). Acpgerontología: Decálogo de la ACP. España. Recuperado de: http://www.acpgerontologia.com/acp/decalogodocs/sudecalogo.htm

Martínez, T. (2015). La atención centrada en la persona. Sus aportaciones al cuidado de las personas con Alzheimer. Serie Documentos Acp- gerontología, (1). Recuperado de: http://www.acpgerontologia.com/documentacion/docACPGERONTOLOGIA1.pdf

Rodríguez, P. (2014). Conceptualización del modelo de Atención Integral y Centrada en la persona. En Rodríguez, P. y Vilà, A. (Coord.), Modelo de atención integral y centrada en la persona. Teoría y práctica en ámbitos del envejecimiento y discapacidad (pp. 113-134), Madrid: Tecnos

Rodríguez, P. (2014). La Atención Integral y centrada en la Persona (AICP. Bases y principales referentes. En Rodríguez, P. y Vilà, A. (Coord.), Modelo de atención integral y centrada en la persona. Teoría y práctica en ámbitos del envejecimiento y discapacidad (pp. 91-112), Madrid: Tecnos.

Rogers, C. (2017). El proceso de convertirse en persona (Traductora Wainberg, L. R.). Barcelona: Paidos (original en inglés 1961).

BOAS PRÁCTICAS NO ÁMBITO DE TRABALLO CON PERSOAS MAIORES DENDE A EDUCACIÓN SOCIAL

Etiquetas

, ,

No traballo con persoas maiores debe predominar o uso de prácticas onde se vele pola calidade de vida e a dignidade destas persoas, que consiste non só en vivir máis anos, senón en gozar da vida sentíndose parte activa e útil da nosa sociedade.


As boas prácticas, como tal, podemos definilas coma o conxunto de accións que introducen melloras nas relacións, na comunicación, nos procesos e nas actividades, orientadas -no seu fin- a producir resultados positivos na vida das persoas coa garantía dunha atención baseada na ética e humanización dos cuidados. A metodoloxía de intervención que debemos de seguir dende a Educación Social neste ámbito non é outra que a de dotar de contido e significado todo aquilo que vaiamos realizar dende o máximo respeto e consideración á persoa que temos diante. Empregando técnicas de comunicación que favorecen a promoción do acompañamento, buscando, por riba de todo, encher de sentido as accións planificadas e que todo aquilo no que desexen participar supoña unha suma no seu proxecto vital,  realzando as capacidades do usuario na procura de que intensifique a súa autonomía.


Os efectos do noso traballo deben converterse nunha mellora persoal, emocional, psicolóxica, social etc. que permitan á persoa maior ou grupo experimentar sentimento de utilidade e sensación de benestar.

As boas prácticas deben reunir unha serie de requisitos ou criterios, que sen chegar a afondar neles, pasamos a enumerar:
A boa práctica debe partir dunha necesidade manifesta.
Debe supor unha mellora notable na calidade de vida dos/das participantes.
Debe estar planificada baixo o criterio da innovación ou baseada nos coñecementos existentes máis actualizados.
Debe ter garantías de continuidade; que sexa sostible a longo prazo.
Que se traduzan en experiencias atractivas e interesantes para as persoas maiores.
Deben xerar un cambio e este ter repercusión, por pequeño que sexa.
A boa práctica debe adaptarse ás necesidades individuais e ós cambios do contexto.
É preciso revisala periódicamente e modificala de ser o caso.
Debe posibilitarnos traballar en rede.

<p value="<amp-fit-text layout="fixed-height" min-font-size="6" max-font-size="72" height="80">

Benvida

Benvidos ao novo Blog do GEIX

O Grupo de Estudios e Intervención Xeragóxica (GEIX) creouse no 2002 como espazo de reflexión, de debate e para compartir experiencias entre un grupo de educadoras sociais que traballaban no ámbito das persoas maiores.

Os obxectivos que como grupo establecemos son:

  • Potenciar a figura das Educadoras e Educadores Sociais no ámbito das persoas maiores.
  • Intervir para a mellora da situación sociolaboral destes profesionais.
  • Promover o intercambio de experiencias e recursos socioeducativas.
  • Provocar o debate e a reflexión sobre a propia práctica profesional.
  • Difundir información e coñecementos referidos á intervención socioeducativa coas persoas maiores.
  • Promover a participación de persoas colexiadas nas actividades do GEIX.